quinta-feira, abril 3

Maré. Novo álbum de Adriana Calcanhotto.


Chegou Abril, tamén para nós, aló na Galiza, e aquí na Éire...xunto co reencontro con Adriana Calcanhotto. Maré, que asi se chama o disco, é o primeiro traballo inédito despois de 6 anos, despois de presentar "Cantada" no 2002. Calcanhotto conta que este é o segundo dunha triloxía que comezou con "Marítimo"(1998), e que igual por iso, este novo traballo é o resultado dun ficar, nas súas palabras "entre a mulher e o peixe, entre a palavra e o enmaranhamento quántico, entre a linguagem e o indizível...." Creación que comeza, quere continuar e sobre todo, retorna ao mar, nun proceso circular no que ela quere xogar, "máis uma vez". Calcanhotto chegou hai anos á miña vida como resultado da xenerosidade dunha amiga que construía unha ponte entre a Galiza e o Brasil, nun tempo no que eu procuraba, dun xeito nunca casual, as melodías de Jobim, sentíndome unha extraña por entre os gostos musicais da adolescencia aquela. Primeiro chegou Jobim da súa man, Caetano acordaba de mañá moi tarde e nós riamos moito pola complicidade dos tempos de facultade e as xuntanzas moitas, que eran fotografías directas destas músicas. Chegou Vinicius, e Chico César e moitos outros...ate que o tempo de estudio rematou. E ahi foi cando chegou ela. Nun tempo de reflexión e silencio. Cunha pintura de poesía concreta experimental para os meus ouvidos con aquele Polivox, que facía danzar á casa enteira, e as crianzas mesmas. Co acento do portugués do Brasil máis agarimoso que eu xamais escoitara, no colo de Manu Chao, esixindo ser tamén Clandestina do planeta. Xa hoxe, nese reencontro do que falaba antes, agardo impaciente a brisa mariña das novas letras e melodías dela, do que seguro traerá, máis sal, máis barcos, máis peixes, sereas, máis "da gusto ve-los chegar pola mañanciña cheirando a frescura"(con permiso).
Idmón

Adriana Calcanhotto presenta Maré en Portugal durante os meses de Maio, Xuño e Xullo, deixo o enlace para que botedes unha olladiña

quinta-feira, março 27

Novo disco de Uxía Senlle. Navegar é preciso


Xa daquela, debe haber uns 7 anos, Uxía visitaba Pontevedra en varias ocasións, das que eu estiven dúas presente; a primeira na alameda de Marín, nun case cara a cara(dígoo pola proximidade ao escenario propia das dimensións do lugar) que me impulsou a saudar e dar parabéns ao final do concerto, e a segunda, na praza da Ferrería en Pontevedra, xunto con Dulce Pontes. De Marin lémbrome ben porque ela versionaba entón unha canción de Chico César,se mal non lembro, e a min aquilo, nunha etapa na que eu comezaba a abrir fronteiras e a fusionar o coñecemento musical co Brasil, pareceume algo de moitísimo valor.
Uxía lanza disco cun "Navegar é preciso", do que é inevitábel non lembrar a Chico Buarque e Caetano Veloso ao vivo(tamén nós eleximos nome de blog por esta razón, fai agora xa 1 ano por estas datas).
Na páxina web da CRTVG faise un lanzamento oficial no que ela mesma descrebe a travesía de navegación que a levou ate esa illa actual. Acompañada de xente da terra(como Ugia Pedreira, Guadi Galego, Quim Farinha....)e das imaxes, voces e lembranzas de compañeiros de outros lares(Caetano Veloso, Cesárea Évora ou Zeca Afonso...), o único que nos queda aos espectadores é agardar ate o vindeiro 14 de Abril para recoller o seu traballo de fusión intercultural, beleza e comunicación universal cara o que sempre quereremos navegar.
Un derradeiro apuntamento. Como adianto, na páxina web da galega, pódense escoitar dúas cancións do seu novo disco "Eterno Navegar". Sinalo especialmente á versión do poema de Curros "unha noite na eira do trigo"...canta beleza :)
Idmón

domingo, março 2

Banksy. O misterio do graffite de Bristol

É un misterio para o espectador en materia física, un descoñecido virtual; deseña arte nas rúas, nun proceso de creación que potencia constantemente na selección dos acontecementos mundanais destes tempos. Algúns deseños son casuais, cotiás, e outros ademáis destas caracterísicas, esixen ser evidenciados para que os ollos non durman na enfermidade do esquecemento. É sinxelo coñecer o segredo que o purra a crear un retrato de fotos do planeta. Na súa realidade pequena, no Reino Unido, e na sociedade global que nos amosa e que nos obriga a ser conscientes do que crece ao noso redor. Desfrutade da exhibición
http://www.banksy.co.uk/menu.html

segunda-feira, fevereiro 25

Galiza NON se vende!

segunda-feira, fevereiro 11

O anxo do gueto de Varsovia

Irena era enfermeira no Departamento de Benestar Social de Varsovia cando Alemaña invadiu o país en 1939, dende alí proporcionaban comida a orfos, anciáns e pobres, ademais de roupa, medicamentos e diñeiro. En 1942, cando os nazis crearon un gueto en Varsovia, Irena decide unirse ao Consello para a Axuda de Xudeus, Zegota, motivada polas terribles condicións que alli se están vivindo, e consegue para ela e outros colaboradores identificacións da oficina sanitaria para entrar no gueto co obxectivo de loitar contra as enfermidades infeciosas. Unha vez ali, Irena empeza a porse en contacto con familias para ofrecerlles a posible saída dos seus fillos do gueto, pero nunca con garantías, por iso moitos pais ou avoas, non estaban dispostas a deixar marchar aos seus fillos sen saber o que lles podería suceder. Ao longo dun ano e medio, ata a evacuación do Gueto no verán do 42, conseguiu rescatar a máis de 2.500 nenos por distintos camiños: comezou a sacalos en ambulancias como vítimas de tifus, pero pronto se valeu de todo aquilo que servisen para escondelos: cestos de lixo, caixas de ferramentas, cargamentos de mercaderías, bolsas de patacas, cadaleitos... Pero Irena non só quería manter con vida a estes nenos, quería que un día puidesen recuperar os seus verdadeiros nomes, a súa identidade, as súas historias persoais, as súas familias. Entón ideou un arquivo no que rexistraba os nomes dos nenos e as súas novas identidades. Os nazis souberon das súas actividades. O 20 de outubro de 1943, Irena Sendler foi detida pola Gestapo e levada á infame prisión de Pawiak onde foi brutalmente torturada. Non conseguiron sacarlle ningunha información e Irena Sendler foi condenada á morte.Os membros de Zegota lograron deter a execución subornando aos alemáns. Irena continuou traballando cunha identidade falsa. En 1944, durante o Levantamento de Varsovia, colocou as súas listas en dous frascos de vidro e enterrounos no xardín da súa veciña para asegurarse que de chegarían ás mans indicadas se ela morría. Ao finalizar a guerra, Irena mesma os desenterrou, e entregoulle as notas ao Doutor Adolfo Berman, o primeiro presidente do Comité de salvamento dos xudeus superviventes.
Hai quen busca e non atopa sentido á súa vida, e hai quen o atopa, hai quen vive e simplemente deixa os dias pasar, hai quen vive sufrindo, quen vive querendo morrer, e hai quen viviu, e a súa vida deixou de ser só súa para pertencer a todos aqueles que atoparon sentido ás súas propias vidas.
Medeia