segunda-feira, fevereiro 25

Galiza NON se vende!

segunda-feira, fevereiro 11

O anxo do gueto de Varsovia

Irena era enfermeira no Departamento de Benestar Social de Varsovia cando Alemaña invadiu o país en 1939, dende alí proporcionaban comida a orfos, anciáns e pobres, ademais de roupa, medicamentos e diñeiro. En 1942, cando os nazis crearon un gueto en Varsovia, Irena decide unirse ao Consello para a Axuda de Xudeus, Zegota, motivada polas terribles condicións que alli se están vivindo, e consegue para ela e outros colaboradores identificacións da oficina sanitaria para entrar no gueto co obxectivo de loitar contra as enfermidades infeciosas. Unha vez ali, Irena empeza a porse en contacto con familias para ofrecerlles a posible saída dos seus fillos do gueto, pero nunca con garantías, por iso moitos pais ou avoas, non estaban dispostas a deixar marchar aos seus fillos sen saber o que lles podería suceder. Ao longo dun ano e medio, ata a evacuación do Gueto no verán do 42, conseguiu rescatar a máis de 2.500 nenos por distintos camiños: comezou a sacalos en ambulancias como vítimas de tifus, pero pronto se valeu de todo aquilo que servisen para escondelos: cestos de lixo, caixas de ferramentas, cargamentos de mercaderías, bolsas de patacas, cadaleitos... Pero Irena non só quería manter con vida a estes nenos, quería que un día puidesen recuperar os seus verdadeiros nomes, a súa identidade, as súas historias persoais, as súas familias. Entón ideou un arquivo no que rexistraba os nomes dos nenos e as súas novas identidades. Os nazis souberon das súas actividades. O 20 de outubro de 1943, Irena Sendler foi detida pola Gestapo e levada á infame prisión de Pawiak onde foi brutalmente torturada. Non conseguiron sacarlle ningunha información e Irena Sendler foi condenada á morte.Os membros de Zegota lograron deter a execución subornando aos alemáns. Irena continuou traballando cunha identidade falsa. En 1944, durante o Levantamento de Varsovia, colocou as súas listas en dous frascos de vidro e enterrounos no xardín da súa veciña para asegurarse que de chegarían ás mans indicadas se ela morría. Ao finalizar a guerra, Irena mesma os desenterrou, e entregoulle as notas ao Doutor Adolfo Berman, o primeiro presidente do Comité de salvamento dos xudeus superviventes.
Hai quen busca e non atopa sentido á súa vida, e hai quen o atopa, hai quen vive e simplemente deixa os dias pasar, hai quen vive sufrindo, quen vive querendo morrer, e hai quen viviu, e a súa vida deixou de ser só súa para pertencer a todos aqueles que atoparon sentido ás súas propias vidas.
Medeia