Chegou Abril, tamén para nós, aló na Galiza, e aquí na Éire...xunto co reencontro con Adriana Calcanhotto. Maré, que asi se chama o disco, é o primeiro traballo inédito despois de 6 anos, despois de presentar "Cantada" no 2002. Calcanhotto conta que este é o segundo dunha triloxía que comezou con "Marítimo"(1998), e que igual por iso, este novo traballo é o resultado dun ficar, nas súas palabras "entre a mulher e o peixe, entre a palavra e o enmaranhamento quántico, entre a linguagem e o indizível...." Creación que comeza, quere continuar e sobre todo, retorna ao mar, nun proceso circular no que ela quere xogar, "máis uma vez". Calcanhotto chegou hai anos á miña vida como resultado da xenerosidade dunha amiga que construía unha ponte entre a Galiza e o Brasil, nun tempo no que eu procuraba, dun xeito nunca casual, as melodías de Jobim, sentíndome unha extraña por entre os gostos musicais da adolescencia aquela. Primeiro chegou Jobim da súa man, Caetano acordaba de mañá moi tarde e nós riamos moito pola complicidade dos tempos de facultade e as xuntanzas moitas, que eran fotografías directas destas músicas. Chegou Vinicius, e Chico César e moitos outros...ate que o tempo de estudio rematou. E ahi foi cando chegou ela. Nun tempo de reflexión e silencio. Cunha pintura de poesía concreta experimental para os meus ouvidos con aquele Polivox, que facía danzar á casa enteira, e as crianzas mesmas. Co acento do portugués do Brasil máis agarimoso que eu xamais escoitara, no colo de Manu Chao, esixindo ser tamén Clandestina do planeta. Xa hoxe, nese reencontro do que falaba antes, agardo impaciente a brisa mariña das novas letras e melodías dela, do que seguro traerá, máis sal, máis barcos, máis peixes, sereas, máis "da gusto ve-los chegar pola mañanciña cheirando a frescura"(con permiso).
Idmón
Adriana Calcanhotto presenta Maré en Portugal durante os meses de Maio, Xuño e Xullo, deixo o enlace para que botedes unha olladiña
