quinta-feira, maio 17




NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS.17 DE MAIO. A COSTUREIRA POETA
María Mariño,coma moitas mulleres de comezos e mediados de século XX na Galiza,carregaba a máquina de coser na cabeza,camiñando de casa en casa, na
procura de traballo. Imaxino o "ban-ban" dos pasiños cansados por camiños vellos, o abaneo do corpo na procura dun equilibrio que aliviase a dor de costas, brazos, pescozo.
María Mariño fiaba ideias moi probablemente durante eses itinerarios diarios que percorría para coser tecidos,para crear as roupas para aliviar o frío de
outros e tamén para matar a fame do pan negro dos 40.
Deixou o exemplo da luita de vanguardia nos xornais prohibidos,falou de estatutos, de descentralización dos poderes e de dereitos dunha terra coma a nosa, cas nosas particulariedades especiais,a nosa cultura belida, a nosa fala.
Feliz Día das Letras, compañeiras.Co corazón de Breogán que latexa forte ainda,dende terras Celtas tan lonxanas, e con saudade.
IDMÓN
(nA FoTo aparecen Uxío Novoneyra,María Mariño,
Saleta Gai,Manuel María e Roberto Posse Carballido.
En Parada do Courel.1960)

TIVEN MEDO DE VOGAR

Tiven medo de vogar,
tiven medo da auga crara.
Anque fora cuns bos remos
anque fora na mar calma,
non vogaba!,
non vogaba!

O medo xa non sei del.
Xa secou aquel mar longo.
E nin saber donde veu,
si é doutro ou é meu,
navego nun mar de fondo.
María Mariño

2 comentários:

Anônimo disse...

Foi unha manha fria, chea de choiva, desa que parece que non molla, pero vai calando ate os osos.
Chegaches co vento do norte, cun arrecendo a mar e ao desconhecido.
Chegaches arrumada de feitizos, de noites meigas, de lume e de noite.

O teu berro doe e quece por igual, doe por miles de loitas, de batallas perdidas,de futuro por reconquistar.
E quece polas voces das xentes, polas suas mans, pola sua poesia, polos seu beizos reivindicadores, polo seu caminho andado.
E quece tamen por Maria Marinho, muller, nai, galega, fiandeira e poetisa.

Anônimo disse...

Porque vida e poesía non son tan diferentes, ambas teñen un sentido acumulativo, a primeira de segundos, minutos, horas, días, noites, semanas, meses, anos...
a segunda de letras, verbas, frases, estrofas...

tamén nos dous casos hai un sentido da medida, os reloxos, as follas do calendario...
os versos, a métrica, a rima...

existe pois ese fío invisible que xunta, empata e casa os pedaciños aportando esa orde, esa armonía, ese sentido, esa coherencia.

Sen embargo, serve dicir da vida que é unha retalliña de momentos acaecidos, acaecendo ou a piques de acaecer e da poesía que constitúe un baile de conceitos ao compás dunha música?

Podemos describir o tempo, contalo, imaxinalo, podemos vivilo... pero e dominalo?
Do mesmo xeito, podemos ficares en silenzo, crear mentalmente a verba, inventala, contala ou describila, podemos berrala ou cantala -na fala, na escrita- é certo, mais non somos nós tamén un conceito?

A natureza, sabia só nos brindou un tempo e unha verba. Un lugar, un espazo valeiro, o que darlle contido e significado.

Velaí, a nosa función, a nosa responsabilidade, persoas como María Mariño xa nos amosaron o camiño.

E iso somos...
Somos a vida e a poesía que hai dentro da nosa verba, lingua ou linguaxe e que existen neste, o noso tempo.

Nalgún intre o vento virá romper o fío levando o tempo e a verba, entón ficarán só elas, a vida e a poesía, estas faranos inmortais...

Mentres vivan, non morreremos nós

Celebremos a vida e a poesía porque elas nos transcenderán e nos farán máis libres...


Saúde e poesía compañeiras,
Atalanta

(PD. xa o estou facendo o revés moita letra e pouca poesía, xa case me daba para unha nova entrada, ja, ja, en fin debo deixar a bebida)