terça-feira, abril 3

DO LIBRO HERBA MOURA


E a casa de Héléne, pequena, sen ornatos, arrecendía a limón e tomiño, a menta, a suspiro, a eucalipto, a sésamo, a tilo, a marmelo, a penas pasaxeiras que poden ser amañadas, a poalla, a música, a serpol, a roseira brava, a morriña, a loito por unha meniña na lembranza, a herba abelleira, a fiollo, a eneldo, a risas que saen do ventre, a coidados, a pucheiro de substancia, a estragón, a aceda, a perexil, a libro vello, a libro novo, a tinta, a amorodo silvestre, a regalicia, a falso espiño, a pel ben satisfeita, ben acariñada e ben lambida, a ortiga, a gatuña, a trevo, a tantas e tantas cousas arrecendía, que xa non se podían nomear, a pimpinela, a lingua de ovella, que nin nomes tantos había, a prímula, a herba benta, a capuchina, a cecimbre, para explicar, a herba luísa, a alguén que nunca tivese entrado, a semprenoiva, a leiburiña, como arrecendía a casa de Héléne.Que tiña un aquel doce que espertaba os sentidos, a pé de óso, a caraveleira, e os elevaba ata o grao máximo do pracer, a canela, a milenrama, a comiño, e un non podía deixar de mergullarse no aroma, a sabugueiro, a malva real, a herba de San Guillerme, e quedaba prendido dunha certa éxtase, a coandro, a trigo mouro, dunha sensación salvaxe, a fiúncho, que semellaba moito a morte..., a grosella, a arraclán, a abruño, mais unha vez iniciado o acto, a linaria, a levistico, o acto de ulir, claro... en que estaría ela pensando?, a caléndula, a borraxe, a sento, non se podía senón continuar, a arando, a visgo, a herba da crus, e sobre todo, a framboesa, ata a fin....e buuufff.Que ben quedaba o corpo logo de entrar nese arrecendo da casa de Héléne!

medea

3 comentários:

Anônimo disse...

Que mágoa non coñecer a casa de Héléne... pinta ben ese libro... seguro que se refería o acto de oler, de que outra cousa se trataría senón... joder, menudo colocón.

Atalanta

Anônimo disse...

Alén de coñecere a casa e mesmo de entrar nela, o incríbel é recoñecre,identificar, deixarse levar polo sentido tan intensamente... a mente, ao mennos a minha, nao soe permitir esas viaxes... un saúdo logo á primavera con este poema, outro a vocês**

orfeio

Anônimo disse...

Estou embarcando na aventura do libro Herbamoura. A primeira vez que oin falar del foi nunha radio nacional. Sentinme atraida pola historia. Os arrecendos a camomila, romero, lavanda...ao ler este anaco do libro ao que ainda non cheguei sentín un impulso por comezar o antes posíbel. Agora estou participando das conversas entre a Raíña de Suecia e Descartes. Gosto de me agochar detrás das paredes e ollar polos buratiños que me levan, xunto cas damas da raíña a visións do goce entre dous corpos. Suxerente. Sobre todo nun ambiente de arrencendo a vida, a fluidos e herbas naturais aos que nos invita a autora.
Gracias Medéa
Idmón